Actualidade UDC

Actualidade UDC

A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da UDC organiza a segunda edición do ‘Foro Riazor: Global Maritime Sustainability’

  • As xornadas celebraranse os días 16 e 17 de outubro con motivo do Día Internacional contra o Cambio Climático. 
  • O evento reunirá a empresas referentes a nivel nacional e internacional do sector marítimo.

A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña celebrará os días 16 e 17 de outubro as xornadas “Foro Riazor: Global Maritime Sustainability”, como conmemoración do Día Internacional contra o Cambio Climático -que se celebra o 24 de outubro- para analizar as vías de descarbonización do sector marítimo. No encontro daranse cita empresas referentes do sector a nivel nacional e internacional para debater sobre a regulación de emisións de gases de efecto invernadoiro; as novas tecnoloxías para a descarbonización dos buques, e as actuais oportunidades laborais no mar.

O obxectivo das xornadas é concienciar sobre a importancia de desenvolver novas tecnoloxías de mobilidade no transporte marítimo para que sexa máis respectuoso co medio ambiente e se adapte aos retos da Axenda 2030, xa que o transporte marítimo xera máis de mil millóns de toneladas anuais de CO2, o que supón preto do 3 % de todas as emisións de orixe humana. Para cumprir cos obxectivos de redución de emisións, as compañías do sector están a investir en investigación de novas tecnoloxías que faciliten o avance cara a unha mobilidade marítima máis sostible. Algúns destes desenvolvementos tecnolóxicos mostraranse ao longo destas xornadas.

O encontro contará con tres mesas redondas nas que participarán diferentes organizacións empresariais que operan na cadea de valor do ámbito marítimo. A primeira das mesas está dedicada á revisión e análise da normativa relativa á

regulación de emisións de gases de efecto invernadoiro, coa participación de voces expertas no campo lexislativo, que poñerán luz sobre o marco normativo e os retos futuros que debe abordar o sector para lograr unha mobilidade marítima eficiente.

A segunda das mesas abordará os sistemas de propulsión que permitan reducir as emisións contaminantes e o uso de novos combustibles en buques, como poden ser os motores que consomen amoníaco, metanol ou hidróxeno, así como os sistemas de propulsión híbrida con almacenamento de enerxía e mesmo sistemas de captura de CO2 ou o uso da tecnoloxía nuclear.

A terceira mesa redonda está enfocada a coñecer os perfís máis demandados e identificar novas oportunidades laborais no sector, tamén ligadas ao mundo offshore e do gas.

Ademais destas tres mesas redondas, o xoves haberá un relatorio de apertura sobre a presenza da muller no mundo mariño e a presentación de WISTA (Women’s International Shipping & Trading Association).

O evento conta co patrocinio da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) da Unión Europea.

Deja un comentario